Foros
Nacen no 1986 co gallo dos 10 anos da revista. Durante os primeiros anos denominouse Asemblea de Subscritores e Amigos. O seu obxectivo é achegar un espazo para os subscritores e demais persoas que o desexen, onde, a través de conferencias e intercambios se comparta unha experiencia común de fe.
XXV Foro de Encrucillada
O Foro Encrucillada 2010 vai ser un foro especial, pois temos moito que celebrar. Chegamos á XXV edición, estamos en ano Xubilar, e o noso presidente, o profesor Andrés Torres Queiruga cumpre setenta anos. Tantas cousas fan necesaria unha celebración.
Por iso este ano o Foro vaise ampliar a unhas Xornadas de Teoloxía. Serán tres días e dous lugares diferentes. O xoves 28 e ovenres 29 de outubro no salón de actos da Facultade de Filosofía, de carácter máis académico, e o sábado 30 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o lugar habitual dos nosos Foros. A participación é aberta tanto na Facultade de Filosofía como no Auditorio.
O lema das Xornadas será: Repensar a teoloxía. Recuperar o cristianismo. “Repensar” e “recuperar” son dúas palabras que ocupan un destacado lugar nos principais títulos das obras do profesor Queiruga, unha obra suficientemente ampla e significativa como para merecer unha análise detida, feita con seriedade e rigor. Por iso, aos convidados e convidadas a estas xornadas ímoslles propor que teñan en conta nos seus relatorios o pensamento do profesor Queiruga. Ter en conta un pensamento significa estudalo, comprendelo, valoralo, sinalar os seus límites, pero tamén os seus acertos, destacar os aspectos novidosos e mostrar o seu entronque coa tradición. Significa pensar conxuntamente co autor, con liberdade e consideración.
Até o momento contamos cos seguintes relatores:
- O compromiso de Andrés Torres Queiruga con Galicia, por Engracia Vidal Estévez e Xesús Ferro Ruibal (Galicia)
- De mestre a mestre. O ano xubilar dun emérito ruibaliano, por D. Xosé Luís Barreiro Barreiro (Santiago de Compostela)
- Nova posición do problema da Filosofía da Saudade, por D. João Vila-Cha (Roma)
- O problema do mal e a teodicea, por D. Miguel García-Baró (Madrid)
- Filosofía e teoloxía da revelación, por D. João Duque (Braga)
- O diálogo interrelixioso, por D. Afonso Soâres (Sao Paulo)
- Poder, autoridade e democracia na Igrexa, por D. Santiago Madrigal (Madrid)
- O problema do inferno, por D. Alfonso Novo Cif-Fuentes (Santiago de Compostela)
- Creación e salvación, por D. Pedro Castelao (Madrid)
- O carácter persoal de Deus. Diálogo entre Occidente e Oriente, por D. Victorino Pérez Prieto (A Coruña)
- Sobre a resurrección, por D. Giovanni Ferretti (Macerata)
- Aperturas feministas da obra de Queiruga, por Dª. Gloria Viero (Rio de Janeiro)
- A cuestión da oración, por D. Juan Martín Velasco (Madrid)
- Culpa, pecado, perdón, por D. Ferdinando Sudati (Paullo)
- A teoloxía de Queiruga e a espiritualidade, por Dª. María Pilar Wirtz (Santiago de Compostela)
O relatorio final –o sábado á tarde– será o do profesor Andrés Torres Queiruga: o do autor «repensado» que recolle o froito dos estudos anteriores e se posiciona respecto do sinalado.
Estamos tramitando tamén coa Universidade de Santiago de Compostela a validez académica das Xornadas. Para poder acadala haberá que cumprimentar unha matrícula de 40 € (parados e estudantes 20€). No auditorio, a entrada é libre, como en tódolos foros, coa achega económica que voluntariamente queiran facer os/as asistentes.
Como vedes, imos contar coa presenza de persoas moi relevantes do mundo da teoloxía e a filosofía. O esforzo que a Asociación Encrucillada está a facer é grande, máxime nestes tempos de crise. Por iso estaremos moi agradecidos a calquera particular ou empresa que queira apoiar economicamente este evento. A ocasión ben o merece.
- CAIXA GALICIA 2091-0342-28-3040000681; BBVA 0182-515081
Foro 2009
A outra cara da crise
Celebrouse o 7 de novembro no Auditorio de Galicia. Asistiron unhas 120 persoas, que seguiron activamente as disertacións, participaron na celebración matutina, na que se lembrou a Ignacio Ellacuría, e animaron a mesa redonda con interesantes interpelacións aos conferenciantes.
Participaron
Carlos Taibo, Profesor Titular de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid
Joaquín García Roca, Profesor de Cooperación Internacional, de Participación Social e de Organizacións Solidarias na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Valencia
Carme Yebra, Licenciada en teoloxía e forma parte do Consello de Redacción de Encrucillada
Santiago González, presidente en Galicia da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social

